A quedada organizada por Mar de Fábula para este pasado sábado bateu a súa propia marca en canto a quilos de lixo mariño apañado, 1.370 en total. Os asistentes, unhas 20 persoas, quedaron totalmente satisfeitos, pero tamén son conscientes de que «para limpar de maneira efectiva e real o que hai na costa, se debería de estar impulsado, profesionaizado e coordinado desde xa non só polos concellos, senón polos gobernos centráis. O que hai aí fóra, escápasenos ao voluntariado espontáneo», conclúen.
A maiores, destacan, unha vez máis, a necesidade de actuar na raíz do problema: atallar as fontes de contaminación desde a súa orixe, dado que «botamos moito lixo gratuito sen descanso ao mar».
Nesta limpeza comprobaron e salientan:
Produtos hixiénico/sanitarios mal botados polo retrete e que piden a berros a necesidade de campañas informativas cidadás, os biosoportes das depuradoras, botellas e botellas de plástico e refrescos que volven a falar da necesidade de dispoñer das máquinas SDDR (Sistema de Depósito, Devolución e Retorno de envases Retoma, os paos das liñas do mexillón, os «paos de batea», que piden urxentemente unha revisión do material plástico utilizado pola industria, a chegada á terra dunha cantidade importante de «cacharros», polbeiras de plástico que poñen de manifesto as capturas ilegais por este medio.
Dende Mar de Fábula agradeceron a participación aos colaboradores, asociación de Empresarios e Concello de Camariñas, e concluíron cun chamamento a que a cidadanía se sensibilice con este tema.