Mar ultima a renovación parcial da frota do Servizo de Gardacostas


Declaracións da conselleira do Mar, Rosa Quintana.

Esta modernización inclúe cinco embarcacións, catro patrulleiras lixeiras que xa están en funcionamento no servizo e unha de altura que está en construción e que se prevé que este ano substitúa á Paio Gómez Chariño. Así o destacou a titular de Mar, Rosa Quintana, durante unha visita á embarcación Punta Seixo Branco, a última patrulleira lixeira en incorporarse ao servizo e que ten a súa base na Coruña.

A Punta Seixo Branco atraca nun pantalán que habilitou a Autoridade Portuaria da Coruña na dársena de Oza, conta cunha eslora de 17 metros, unha manga de 5 metros e un calado de 0,85 metros. Ademais entre as súas prestacións está acadar os 36 nós de velocidade máxima. As outras tres novas patrulleiras lixeiras entregadas previamente ao Servizo de Gardacostas e tamén en funcionamento son a Punta Promontoiro, con base en Celeiro, a Punta da Guía, con base en Vigo e a Punta Falcoeiro, con base en Ribeira.