A Consellería de Sanidade vén de realizar unha adecuación das limitacións preventivas establecidas para a prestación de servizos públicos de transporte de viaxeiros, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do covid-19.
As condicións de capacidade no transporte en autobús -de carácter interurbano, urbano, ou de uso especial- e o transporte marítimo, quedan establecidas do seguinte modo:
Nos vehículos e embarcacións que dispoñan de asentos, poderase ocupar a totalidade dos mesmos. En calquera caso, deberase manter a máxima separación entre as persoas usuarias cando o nivel de ocupación o permita.
Nos caso dos vehículos e embarcacións que teñan autorizadas prazas de pé, procurarase que as persoas manteñan entre si a máxima distancia posible, establecéndose como límite de ocupación máxima a dunha sexta parte das prazas de pé.
Así mesmo, como medidas adicionais aplicables ao uso deste tipo de transporte, establécense que durante toda a duración do traxecto, cando este sexa inferior a dúas horas, as persoas usuarias non poderán consumir alimentos no interior dos vehículos ou embarcacións, debendo, igualmente e na medida do posible, evitar consumir bebidas, conversar ou manter calquera outro contacto directo con outras persoas ocupantes do devandito vehículo ou embarcación.
No caso dos servizos públicos colectivos regulares de transporte de viaxeiros de carácter interurbano, de uso xeral ou de uso especial, que non teñan autorizadas prazas de pé, e en calquera servizo de transporte marítimo en augas interiores da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, será obrigatoria a expedición de billete coa identificación do servizo concreto de transporte e do vehículo ou embarcación que o preste.
Igualmente, todos os anteriores vehículos e embarcacións deberán ter numerados os seus asentos de forma clara e visible para as persoas usuarias.
Por último, naqueles servizos nos que non exista unha asignación previa de asento, recoméndase ás persoas viaxeiras que anoten no seu billete o número de asento que ocupen.