Medio Ambiente analizará estender o programa de compostaxe doméstica ao Concello de Tordoia

1 minutes read

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou este compromiso ao alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro Liñares, co que mantivo unha reunión de traballo, para coñecer as demandas deste municipio da provincia da Coruña en materia de equipamentos urbanos.

O rexedor indicoulle á conselleira o seu interese por introducir a compostaxe doméstica nas áreas rurais dos municipios. Ángeles Vázquez indicoulle que dará trasladará desta petición a Sogama, unha entidade que leva distribuídos gratuitamente máis de 10.700 composteiros entre máis de 300 entidades galegas (incluídos concellos, centros educativos e colectivos de carácter social ou empresarial).

Nesta mesma liña, a conselleira de Medio Ambiente tamén se comprometeu analizar a petición de novas infraestruturas para a recollida separada de residuos urbanos, co fin de incrementar as taxas de reciclaxe neste municipio.

Por último, outro dos puntos abordados na reunión foi a posibilidade de establecer liñas de colaboración para levar a cabo actuacións que permitan mellorar e recuperar as infraestruturas e equipamentos públicos e de uso colectivo. Nese sentido, a conselleira comprometeuse a analizar as posibilidades do departamento de Urbanismo, co fin sacar adiante proxectos que presente o Concello para dinamizar espazos de uso público neste municipio.