Medio Rural e Deputación da Coruña colaborarán na prevención de incendios

1 minutes read

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse este luns no seu despacho da institución provincial co conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, José González, para estudar posibles vías de colaboración e apoio aos concellos en materia de prevención e extinción de incendios e dinamización do rural coruñés.

Na xuntanza, na que tamén participou o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, González Formoso destacou a «importancia estratéxica que para a Deputación ten apoiar o desenvolvemento social e económico do rural na provincia» e destacou a importancia de que «todas as administracións sumemos esforzos nun tema tan importante como a prevención e extinción de incendios».

O conselleiro explicou iniciativas coma o convenio asinado entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga para a xestión da biomasa nas aldeas. Este acordo permitiu a creación dun sistema público que traballa no acondicionamento e mellora das faixas de protección das vivendas, involucrando nestas tarefas tanto aos propietarios das parcelas como aos concellos, xa que esta limpeza compete aos propietarios e, de maneira subsidiaria, aos concellos.