O conselleiro do Medio Rural, José González, e o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, mantiveron esta mañá unha xuntanza de traballo con alcaldes da provincia da Coruña para explicarlles os detalles da colaboración entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en materia de protección das aldeas fronte os incendios forestais. O encontro xirou arredor da addenda ao convenio entre Medio Rural, a empresa pública Seaga e a Fegamp para a posta en marcha dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, é dicir, aquelas situadas preto dos núcleos de poboación.
Así, o conselleiro explicou que en virtude desta addenda, o Goberno galego prestará apoio técnico aos concellos adheridos para que elaboren os seus plans municipais de defensa contra incendios, con ferramentas administrativas e informáticas específicas. Así mesmo, o conselleiro salientou que se axilizará e se simplificará a xestión de todos os requirimentos e notificacións que os concellos teñan que facer aos veciños en cumprimento das súas obrigas ao respecto da xestión da biomasa.
A previsión é actuar nunhas 700 aldeas de 68 parroquias de toda a comunidade autónoma no período 2019-2022, priorizando aquelas con maior problemática incendiaria. Así, está previsto actuar nunhas 4.500 hectáreas este ano, ata chegar a unhas 16.000 ao remate do período.
Deste xeito, aclarou o titular de Medio Rural, diante dunha faixa situada nun concello adherido, se hai un propietario coñecido e este se incorpora ao sistema público a través dun contrato de xestión, Seaga procederá á xestión da biomasa, pagando o titular do terreo unha tarifa uniforme fixada por hectárea de 350 euros.
Na provincia da Coruña son 12 as parroquias seleccionadas:
| CONCELLO | PARROQUIA |
| Boiro | Boiro (Santa Baia) |
| Cures (Santo André) | |
| Macenda (San Xoán) | |
| Carballo | Carballo (San Xoán) |
| A Coruña | Visma (San Pedro) |
| Lousame | Tállara (San Pedro) |
| Porto do Son | Baroña (San Pedro) |
| Caamaño (Santa María) | |
| Ribasieira (San Fins) | |
| Xuño (Santa Mariña) | |
| Teo | Cacheiras (San Simón de Ons) |
| Calo (San Xoán) |