O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, presidiu este venres unha nova comisión de seguimento do convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias asinado entre a Consellería do Medio Rural e a empresa pública Seaga. Neste sentido, cómpre incidir na importancia da colaboración cidadá e que os propietarios realicen as tarefas de limpeza antes do 31 de maio, tal e como se establece na normativa. A partir desa data, comezaranse as inspeccións, nas que se colabora cos concellos adheridos a través do convenio.
Actualmente, 298 concellos xa solicitaron a súa incorporación ao acordo de colaboración entre a Consellería e Seaga, polo que máis do 95 % dos municipios galegos realizaron este trámite e superan os que estaban adheridos ao anterior acordo. De feito, a reunión de hoxe centrouse en avaliar as últimas solicitudes de adhesión recibidas e outras vinculadas ao desenvolvemento do convenio, así como tamén na análise e planificación das actuacións ao seu abeiro.
Cómpre lembrar que desde a Consellería se estableceu como prazo idóneo para a adhesión o 21 de marzo, e antes do 31 de marzo para que os concellos enviaran a planificación e solicitar actuacións ao abeiro do convenio, pero tan só o 30 % o fixeron, principalmente para a xestión da biomasa en vías de titularidade municipal.
En canto á reunión deste venres, esta centrouse en avaliar as últimas solicitudes de adhesión recibidas e outras vinculadas ao desenvolvemento do convenio, así como tamén na análise e planificación das actuacións ao seu abeiro.
O principal obxectivo desta iniciativa do Goberno galego, posta en marcha xa desde 2018, é apoiar os propietarios e os concellos no cumprimento das súas obrigas en relación coa prevención e defensa fronte o lume nas faixas próximas ás vivendas, é dicir, naquelas de 50 metros que rodean os núcleos de poboación. O actual acordo, con vixencia ata 2029 e un orzamento anual de 25 millóns de euros -o dobre que no anterior-, asinouse o pasado mes de decembro.