Medio Rural lembra ás comunidades de montes que deben destinar o 10 % dos ingresos á prevención de incendios

2 minutes read

A Consellería do Medio Rural lembra ás comunidades de montes en man común que deben destinar polo menos o 10 % da súa cota de reinvestimento en traballos de prevención de incendios e en infraestruturas preventivas. Así o recordou por carta a Consellería esta mesma semana. Estas actuacións son prioritarias trala modificación do artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, incluída na Lei 5/2025, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. Con este cambio, trátase de reafirmar a idea de que a prevención dos lumes é cousa de todos, empezando polos titulares dos terreos forestais, que contan co apoio da Administración.

As cotas de reinvestimento son a parte dos ingresos do monte que a lei obriga a destinar á mellora, protección e xestión do propio monte. Polo tanto, é unha esixencia legal que serve para garantir que o monte se conserve, se xestione de forma sostible e estea protexido, especialmente fronte aos incendios forestais.

Con carácter xeral, as comunidades de montes veciñais en man común teñen que reinvestir como mínimo o 40 % de todos os ingresos que xere o monte anualmente. Coa modificación do citado artigo, polo menos o 10 % dese 40 % empregarase en materia de prevención.

Se o monte ten un plan de ordenación ou xestión aprobado, deberán executarse as actuacións preventivas que estean previstas nel. O resto da cota obrigatoria poderá investirse en facer ou actualizar o plan de ordenación ou xestión forestal; na execución dos traballos previstos no mesmo; en pagar servizos de xestión forestal; ou en facer o deslinde e amolloamento do monte.

Prazos para facer os reinvestimentos

As comunidades de montes veciñais poderán facer os reinvestimentos na mesma anualidade na que se obtén o ingreso ou en ata catro anos despois. Cómpre indicar que os traballos de xestión da biomasa e prevención de incendios deben realizarse de forma continua e sempre cumprindo a normativa de incendios, que recolle un prazo ata o 31 de maio de cada ano.

Ademais, a Administración autonómica ten que estar informada. Concretamente, no primeiro semestre de cada ano a comunidade de monte debe comunicar os ingresos obtidos e os investimentos realizados na anualidade anterior. Para calquera dúbida, os interesados poden dirixirse aos servizos de montes da Dirección Territorial correspondente da Consellería do Medio Rural, así como aos diferentes distritos forestais.