Morren dúas persoas na provincia de Pontevedra, nun accidente laboral en Covelo e atropelada no Campañó

1 minutes read

Un accidente ocorrido a primeira hora da mañá deste mércores na estrada PO-531 saldouse cunha persoa falecida. O suceso tivo lugar arredor do quilómetro 1,5 da citada vía, ao seu paso pola zona de Campañó, onde a vítima foi alcanzada por un vehículo. A central de emerxencias do 112 Galicia tivo constancia do ocorrido ás 08:05 horas a través da chamada dun particular. Na súa comunicación, o alertante informaba de que unha persoa acababa de ser atropelada e solicitaba con urxencia asistencia sanitaria para atendela. De xeito inmediato, desde a sala de operacións do 112 informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local, así como aos efectivos de Protección Civil. Malia o despregamento dos servizos de emerxencia no lugar do sinistro, nada se puido facer por salvar a vida do ferido, que faleceu no punto do accidente antes de poder ser trasladado.

Un traballador perdeu a vida tras caerlle unha árbore enriba en Covelo

O accidente ocorreu uns 10 minutos antes das 10:00 horas deste mércores. Segundo a información recollida polo 112 Galicia, a un traballador caéralle unha árbore enriba na Lamosa, no lugar de Corzós. Rapidamente, desde o CIAE 112 Galicia informouse aos Bombeiros de Ponteareas, á Garda Civil e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Oitaven-Tea. Tamén se mobilizou persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que xa tiñan constancia do suceso. Unha vez no punto, os servizos de emerxencia só puideron confirmar o falecemento da persoa.