As Comisións Informativas de Asuntos Xerais do Pleno e de Facenda e Especial de Contas reuniuse este xoves para someter a ditame dous asuntos que se elevarán ao Pleno extraordinario a celebrar o mércores da próxima semana.
Unha das cuestións consistiu na proposta de Alcaldía para destinar os fondos procedentes da segunda fase do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal “POS+ Adicional 2/2025” da Deputación da Coruña. Ao Concello da Laracha correspóndelle unha asignación de 308.791,65 euros que o Goberno Local propón empregar en investimentos financeiramente sostibles centrados na mellora de infraestruturas e equipamentos municipais.
Un deses proxectos centraríase na mellora da zona deportiva existente no núcleo urbano da Laracha, xunto ao IES Agra de Leborís, composta por dúas pistas polideportivas, un circuíto de calistenia e o skatepark. Outras tres intervencións terían por finalidade intervencións na rede viaria municipal que afectarían aos núcleos rurais da Ponte Martín (parroquia de Torás), A Areosa (Vilaño), Lista (Lendo), A Agrela (Lestón) e Borreiros (Soandres).
Ademais, abordouse a concesión dunha subvención nominativa ao Club Escolas Deportivas de Baloncesto Laracha (C.B. Laracha) por un importe de 7.500 euros cos que se reforzaría o apoio do Concello. Proponse con motivo do ascenso do equipo sénior feminino a categoría de ámbito nacional por primeira vez na súa historia e ante as novas necesidades económicas que deberá afrontar o club referentes á inscrición na competición e os desprazamentos para disputar os partidos fóra de casa. A subvención nominativa implicará a necesidade de aprobar unha modificación nas bases de execución do orzamento municipal deste ano.