O Concello de Camariñas vén de adquirir 40 novos contedores para a recollida de papel-cartón grazas a unha subvención do Fondo de Compensación Ambiental (FCA). Esta incorporación suporá un cambio no sistema actual, co obxectivo de facilitar a xestión dos residuos.
Ata o de agora, a recollida realizábase mediante o sistema porta a porta e con iglús específicos. A partir deste mes de setembro, implantarase un novo modelo que combinará a recollida porta a porta co uso destes contedores de carga traseira de 1.100 litros, de maior capacidade ca os amarelos ou os de fracción resto.
“Con estes novos contedores será máis doado retirar o cartón, pero precisamos da colaboración da veciñanza. É importante que todas e todos dobren e aplasten as caixas antes de depositalas, para que os colectores non se saturen de forma innecesaria”, sinalan desde o goberno local.
A recollida de papel-cartón manterase os luns, como viña sendo habitual. En canto á imaxe dos novos contedores, serán de cor gris, atendendo á normativa que establece que os futuros colectores deben unificarse nunha mesma cor, diferenciándose unicamente pola tapa, que neste caso será azul para identificar o papel-cartón.
Así mesmo, continúa en marcha o servizo de recollida porta a porta dirixido a comercios e restaurantes, do que a día de hoxe xa fan uso 10 establecementos do municipio.