Membros de Protección Civil de Ponteceso acoden ás emerxencias cos seus coches particulares

1 minutes read

O presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ponteceso, Modesto Parga, denunciou este xoves que o pobo de Ponteceso está completamente vendido en caso dunha emerxencia se necesitase contar en calquera momento cos servizos de Protección Civil.

Cita como exemplo que este luns produciuse un atropelo no lugar de Cores dun veciño de 28 anos e el, como presidente de Protección Civil non puido acudir ao lugar ao non ter o vehículo adaptado. Aínda que neste caso Parga afirma que solicitou axuda a outros dous membros de Protección Civil, un deles non colleu o teléfono e o outro non podía abandonar nese momento o seu lugar de traballo oficial, pois os membros de APCV son voluntarios. Esta persoa atropelada atópase agora hospitalizada en coma.

Segundo Parga, trátase de «unha situación que non se pode permitir, cando se trata dunha emerxencia todos os medios son poucos». Máis recente está a desaparición dun veciño do lugar de Pazos de arriba, Modesto Parga e outros compañeiros, tras ser alertada a Agrupación polas 112 Emerxencias Galicia de que había un operativo cunha persoa desaparecida, botáronse na súa procura nos seus coches particulares, dado que as chaves dos vehículos oficiais, segundo afirma, fóronlles retiradas para aforrar. Tres días despois o desaparecido foi localizado morto este xoves.

Os seus turismos particulares non están adaptados para situacións de risco ou emerxencia, polo que Modesto Parga pide unha profunda reflexión para poñer fin a esta grave situación, porque ao final quen vai a pagar as consecuencias son os propios veciños de Ponteceso.