Mención de honra no “IX Certame de Curtas Alberto Romero” en Ribeira, ao traballo do IES de Baio

1 minutes read

Os alumnos María Amado, Jorge Oreiro e Manuel Campos, acompañados dos profesores Fina Paulos e Óscar Rey desplazáronse este sábado a Ribeira para asistir á gala do “IX Certame de Curtas Alberto Romero”, onde recibiron unha mención de honra pola participación do noso IES no festival. A cerimonia tivo lugar no Auditorio de Ribeira, nun acto que reuniu a moitas persoas vinculadas co mundo educativo.

O Certamen de Curtas Alberto Romero, organizado polo Concello de Ribeira, é unha iniciativa que busca promocionar o talento audiovisual entre a mocidade, incentivando a creatividade e o traballo en equipo. Nesta novena edición, participaron centros educativos de toda Galicia, destacando a calidade e a orixinalidade dos proxectos presentados. O evento serviu tamén como punto de encontro para que os centros educativos compartisen experiencias e aprendizaxes. 

O IES Maximino Romero de Lema presentou unha serie de curtas que fomentan valores educativos como a igualdade, a loita contra a violencia de xénero, fomento do galego, diversidade sexual ou uso responsable das TICs entre outros, realizadas por alumnado de distintos niveis educativos do noso centro.

Esta mención de honra supón un recoñecemento ao esforzo e á adicación tanto do alumnado como de Fina e Óscar,  implicados nos distintos proxectos audiovisuais realizados no IES. 

Dende o IES Maximino Romero de Lema queren agradecer á organización do certame por esta distinción e destacan a importancia de actividades como esta para fomentar a creatividade e o interese polo audiovisual entre os estudantes.