Mantean bonecos de Sánchez e Puigdemont xunto a Ferraz ao berro de “1,2,3 colgado dos pés”. “Delincuente” e “psicópata” foron outros dos berros que proferiron os concentrados, mentres que nalgunhas das pancartas podía lerse: “Un berro de unidade contra o sanchismo”.
Convocados polo Partido Popular, encheuse este domingo a Praza de España de Madrid para un acto de autoafirmación que dá o pistoletazo de saída á precampaña electoral das eleccións europeas. “Imos rescatar democraticamente este país”, dixo o líder popular, Alberto Núñez Feijóo, que de novo cargou contra o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, xefe, ao seu entender, dunha “agrupación de intereses” que se “vende” por permanecer no poder. Ante esto, a disxuntiva patriótica coa que culminou o acto: “Entre amnistía e España, España”. Asistiron decenas de miles de persoas. 70.000, segundo o PP; 45.000, segundo a Delegación de Goberno.
Núñez Feijóo contou con nove presidentes autonómicos do seu partido; polos líderes do PP no País Vasco, Castela-A Mancha, Cataluña e Asturias, así como moitos dos 3.000 alcaldes que o sábado asinaron un manifesto contra a lei de amnistía. Tamén estiveron presentes os expresidentes do Goberno Mariano Rajoy e José María Aznar, que non interviñeron no acto. Si o fixeron o alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, e a presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.