Miles de persoas manifestáronse en Santiago contra a instalación de Altri en Palas de Rei 

1 minutes read

Convocados polas plataformas Ulloa Viva (PUV) e En Defensa da Ría de Arousa (PDRA), entre outras, miles de persoas partiron este domingo da Alameda de Santiago nunha manifestación contra a instalación en Palas de Rei da macroplanta de celulosa de Altri, pendente da autorización definitiva da Xunta, e «en defensa do futuro» de Galicia. Marcharon cara á praza do Obradoiro para repetir o «non» masivo a este proxecto industrial. A manifestación, que conta co apoio de numerosas organizacións, como os partidos da oposición BNG e PSdeG- desenvólvese baixo o lema «Polas que somos e as que virán«, que se completa co de «Altri non, fóra xa», que tamén coreaban os asistentes. Por outra banda, a directiva de Altri lembra que este proxecto acaba de recibir o selo STEP outorgado pola Comisión Europea. Mentras, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, insistíalle  ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a que escoite este «clamor social» e «deixe de facer de comercial dese franquismo industrial que representa Altri», un proxecto que «hipoteca o futuro de Galicia». Desde o PSdeG, a súa secretaria de Organización, Lara Méndez, xunto a varios deputados socialistas, esixiu a Rueda que faga público o memorándum de entendemento «oculto» que a Xunta asinou coa empresa.