UCIN Galicia, a través do seu coordinador José Luis Calo, expresa o seu firme apoio ao sector gandeiro galego tras as últimas estimacións que cifran nunha caída de máis de 186 millóns de euros os ingresos das explotacións de vacún de leite na comunidade.
Segundo os datos trasladados por organizacións agrarias, a rebaixa media de 8 céntimos por litro nos novos contratos lácteos supón un duro impacto económico que, no caso dunha explotación tipo, pode traducirse en perdas de arredor de 27.000 euros anuais. A esta situación súmase o forte incremento dos custos de produción, con subas significativas en gasóleo, fertilizantes e servizos agrarios, o que agrava aínda máis a viabilidade das granxas.
Desde UCIN Galicia denuncian que esta combinación de caída de prezos e aumento de custos “está a afogar literalmente ás explotacións familiares”, ao tempo que sitúa a Galicia en clara desvantaxe competitiva fronte a outras comunidades, con diferenzas de ata o 24% no prezo do leite respecto a Asturias.
José Luis Calo sinala que “non se pode permitir que un sector estratéxico para Galicia, que fixa poboación no rural e xera miles de empregos directos e indirectos, sexa tratado como unha variable de axuste polas industrias lácteas”. Neste sentido, advirte de que “estamos ante unha situación límite que require unha resposta inmediata e contundente por parte das administracións”.
UCIN Galicia tamén mostra a súa preocupación pola entrada masiva de leite procedente de Francia e Portugal a prezos moi baixos, unha práctica que, segundo denuncian, está a distorsionar o mercado e a presionar á baixa os prezos que perciben os produtores galegos.
“Se se confirma que existen prácticas de concertación de prezos ou comportamentos propios dun cártel, estaríamos ante feitos moi graves que deben ser investigados e sancionados con toda a contundencia da lei”, subliña Calo.
A formación reclama á Xunta de Galicia, ao Ministerio de Agricultura e aos organismos reguladores que actúen de maneira urxente para garantir o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria e evitar abusos que poñan en risco a supervivencia do sector.
Finalmente, UCIN Galicia fai un chamamento á cidadanía para apoiar o consumo de leite e produtos lácteos de orixe galega. “Detrás de cada litro de leite hai familias, emprego e futuro para o noso rural. Defender o sector lácteo é defender Galicia”, conclúe José Luis Calo.