Milleiros de persoas fan historia cunha foliada para homenaxear ás cantareiras da nosa lingua en Compostela

1 minutes read

A reivindicación e a festa déronse a man nunha xornada inesquecíbel na que as pandeiretas substituíron os megáfonos e a arte das cantareiras tomou unha abarrotada Praza da Obradoiro. Foi Marcos Maceira, portavoz da plataforma cidadá Queremos Galego, quen trasladou as denuncias e demandas dos milleiros de persoas congregadas para celebrar a Lingua Vital e reclamar medidas para a súa supervivencia.

Maceira proclamou a necesidade urxente de reverter a «emerxencia lingüística» que sofre o galego. Nun discurso cargado de forza e convicción, denunciou a «belixerancia» da Xunta e do PP contra o idioma, así como as políticas que buscan «borrar» a lingua galega de todos os ámbitos da vida social.

O voceiro de Queremos Galego criticou duramente as medidas do goberno de Alfonso Rueda, como o mantemento do decreto que limita o uso do galego no ensino, a nova lei que ameaza a emisión exclusiva en galego da TVG, ou a exclusión do idioma en sectores como a xustiza, a sanidade, a intelixencia artificial e mesmo os campamentos de verán. «O galego está vivo a pesar de vostede», afirmou dirixíndose a Rueda, destacando que a supervivencia da lingua é froito da resistencia do pobo galego, que «se organiza e lle dá o oxíxeno que lle negan».

Xunto a isto acusou á Xunta de culpar as familias e as persoas inmigrantes pola situación da lingua, mentres o modelo educativo actual provoca que o 70% das crianzas que falan galego ao chegar á escola acaben falando castelán, e que unha de cada tres persoas que rematan o ensino obrigatorio recoñeza non saber falalo. «As nenas e nenos galegos non teñen nin xoguetes que falen o seu idioma», lamentou.