Milleiros de persoas reclamaron en Santiago melloras na sanidade pública

1 minutes read

50.000 persoas segundo a organización, percorreron as rúas de Santiago ata a praza do Obradoiro en defensa do sistema público de saúde. Manuel Martín, portavoz da plataforma convocante SOS Sanidade Pública, subliñou ao inicio que o obxectivo é clamar fronte á «mestura imposible de incapacidade e de intención privatizadora» da Xunta en materia sanitaria. A manifestación partiu da Alameda de Santiago tras a pancarta «Na defensa e a mellora da sanidade pública. Queremos a nosa atención primaria». O segundo lema, sostido por representantes políticos, rezaba: «Na defensa da sanidade pública. Salvemos a atención primaria». Segundo o portavoz da plataforma, en Galicia existe «incapacidade para acceder á atención primaria» e «gravísimos problemas de calidade asistencial», polo que o obxectivo é «recuperar o recortado«, para o que a plataforma propón un modelo, que a Xunta ten «nun caixón».

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou que na manifestación emerxe «unha cidadanía con conciencia que lle está parando os pés ao Partido Popular» en materia sanitaria.

O líder do PSdeG, Valentín González Formoso, asegurou que coa manifestación de Santiago, Galicia «explícalle» á Xunta a súa opinión sobre unha política sanitaria que vai «de ocorrencia tras ocorrencia e parche tras parche».

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, considera que os partidos da oposición en Galicia só pensan este domingo na sanidade e fano por «un cálculo electoral» para os comicios municipais de maio.