O Concello de Miño segue desenvolvendo obras de renovación, ampliación e mellora da rede de saneamento e abastecemento de auga grazas aos investimentos do Plan Único da Deputación da Coruña.
O municipio vén de sacar a licitación por 129.683,20 euros as obras de renovación da rede de saneamento de augas pluviais e residuais que dá servizo ao núcleo Sombreu, onde a veciñanza conta actualmente cun servizo deficiente debido ás roturas que se producen na antiga rede de formigón, chegando nalgúns puntos a mesturarse pluviais con fecais.
Así mesmo, renovarase a rede municipal de abastecemento de auga da Ponte do Porco, cun investimento provincial de 40.000 euros. As obras incluirán a instalación de novas tubaxes de polietileno e fundición dúctil que garantan un subministro axeitado de auga.