O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reafirma o compromiso do Goberno coa loita contra a violencia de xénero e a protección das vítimas, coa transferencia de 4,7 millóns de euros do Plan de Recuperación para poñer en marcha catro centros de atención 24 horas en Galicia. Estas novas instalacións, unha por provincia, deberán entrar en funcionamento o próximo ano. José Miñones detallou que, para a activación dos centros, a Conferencia Sectorial de Igualdade acordou distribuír a Galicia 3,3 millóns de euros correspondentes a 2022, que se suman a os 1,4 millóns xa transferidos en 2021. Desta forma, o Goberno destina en total 4,7 millóns para a creación de centros de atención 24 horas a vítimas de violencia de xénero en A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.
José Miñones subliña o “profundo compromiso do Goberno coa loita pola igualdade entre mulleres e homes e, por tanto, coa erradicación da violencia machista en todas as súas expresións”. O delegado reiterou á súa condena a esta secuela social e aos crimes machistas que custaron a vida a 65 mulleres en Galicia desde que comezan os rexistros, en 2003. “Non pararemos ata alcanzar unha sociedade igualitaria, inclusiva e xusta, e un lugar libre de violencias machistas”, asegura.