A Xunta vén de conceder apoios por preto de 7 millóns de euros para que 219 pemes realicen proxectos de desenvolvemento tecnolóxico que suporán unha mobilización total de investimentos de 13,6 millóns de euros a través das axudas á dixitalización cuxa resolución se publicou esta semana no Diario Oficial de Galicia.
Cofinanciada por fondos Feder, esta edición da convocatoria incorporou un incremento dos apoios ás pemes de calquera sector do 50% dos investimentos e do 70% no caso das pequenas e medianas empresas dos sectores téxtil e moda, a automoción e a industria auxiliar do naval.
Entre as iniciativas impulsadas nesta edición destacan a implementación de sofisticados procesos de comercio electrónico, sistemas de xestión integral e sistemas de intelixencia de negocio. Ademais de apoiar a adquisición de equipamentos e software, as axudas facilitan as colaboracións necesarias para a súa implementación, financiando proxectos colectivos de agrupacións, pemes e iniciativas promovidas a nivel individual.