Mobilizados máis de 20 equipos quitaneves

1 minutes read

Galicia mantén mobilizado desde a madrugada do xoves un dispositivo que inclúe máis de 20 equipos quitaneves e o estendido de máis de 1.000 toneladas de sal e 710.000 litros de salmoira para garantir a seguridade nas estradas autonómicas por mor do temporal activo.

O operativo despregado esparexeu só nunha noite case 160 toneladas de sal e 88.000 litros de salmoira na rede viaria autonómica coa fin de facilitar a mobilidade en condicións máis seguras.

O estendido de sal foi especialmente relevante nas estradas da provincia da Coruña e nas do sur de Pontevedra, en comparación coa distribución habitual. Nestas áreas, desde o comezo do temporal, o consumo de sal acadou un terzo do total previsto para todo o inverno.

Nas últimas xornadas, levouse a cabo o estendido preventivo de fundentes nas autovías AG-53 e AG-54, entre Dozón e Ourense; na do Barbanza (AG-11); na do Salnés (AG-41); ou nas autoestradas A Coruña- Carballo (AG-55); e na do Val Miñor (AG-57).