O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello autorizou que o Goberno galego conxele en 2023 as tarifas das peaxes das autoestradas autonómicas A Coruña-Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57) para contrarrestar e mitigar os efectos do incremento do IPC nas tarifas. “As autoestradas autonómicas galegas xa son as máis baratas de toda España e queremos que o sigan sendo”, resaltou Rueda, quen anunciou que a Xunta xa se puxo en contacto co Goberno central para demandar a conxelación das peaxes nas vías de titularidade estatal.
Rueda destacou que, de non tomar esta medida, as tarifas terían que “incrementarse un 7%” e destacou que a conxelación vai beneficiar aos “preto de 27.000 usuarios diarios” que teñen estas dúas vías. O Consello da Xunta aprobou unha nova modificación do convenio coas concesionaria Autoestradas de Galicia pola que se prorrogan as tarifas nas autoestradas autonómicas, que xa no 2022 reducíronse a menos da metade do que lle correspondería polo incremento do IPC.
O Goberno galego reserva nas contas do próximo ano 2023 unha partida de 4,8 M€ para conxelar as peaxes e manter as bonificacións vixentes nas autoestradas autonómicas AG-55 e AG-57, o que supón un incremento do 86 %.