HM Hospitais e Monbus Obradoiro renovaron a súa colaboración para a nova tempada 2019-2020. O director xeral e deportivo do Monbus Obradoiro, José Luis Mateo, e o director territorial de HM Hospitais en Galicia, Rafael Silva, presentaron hoxe pola mañá no Hospital HM Rosaleda de Santiago de Compostela o convenio que mantén unha tempada máis o histórico compromiso entre ambas as entidades. Así o lembraba Rafael Silva ao asegurar que este acordo consolida os vínculos entre HM Hospitais, un referente no ámbito sanitario, e o Monbus Obradoiro, club galego que conta cun equipo na máxima categoría do baloncesto español. O director territorial de HM Hospitais en Galicia sinalou a aposta do Grupo “por proxectos nos que estea moi presente a cidadanía, ademais da excelencia na atención que marca a nosa filosofía”. Rafael Silva destacou “o apoio incondicional da afección e a proximidade que existe entre esta e o equipo” que comparou coa “proximidade ao paciente que propugna HM Hospitais” e asegurou que era “un orgullo poñer ao dispor dun equipo de elite como o Monbus Obradoiro os mellores profesionais e a tecnoloxía máis avanzada de HM Hospitais”. Pola súa banda, José Luis Mateo asegurou que o club está “satisfeito e agradecido a HM Hospitais, un grupo que se desvive para que tanto os xogadores como as súas familias teñan a mellor asistencia sanitaria”. O director xeral do Monbus subliñou a importancia que teñen os servizos médicos no día a día do club “e isto, grazas a HM Hospitais, témolo asegurado”, indicou Mateo.
HM Hospitais leva varios anos sendo o centro médico oficial do Monbus Obradoiro e patrocinándolle para lograr que o equipo compostelán permaneza asentado na liga Endesa, a máxima categoría do baloncesto nacional. O convenio presentado hoxe, que durará ata o 30 de xuño de 2020, inclúe os recoñecementos médicos das novas incorporacións e as probas dos xogadores do primeiro equipo no Hospital HM Rosaleda e no Hospital HM A Esperanza sempre que así o recomenden os responsables dos servizos médicos do Obradoiro. O Monbus Obradoiro, pola súa banda, comprometeuse a participar en varias iniciativas que HM Hospitais levará a cabo durante a tempada en Santiago de Compostela. Tras a presentación do convenio tomou a palabra Moncho Fernández, adestrador do Monbus Obradoiro, para debullar algúns aspectos do próximo encontro que este sábado enfrontará aos composteláns co UCAM Murcia.
35