A candidata socialista á alcaldía de Vimianzo, Mónica Rodríguez, asistirá ao Pleno do Parlamento de Galicia do vindeiro 8 de maio, mércores, para coñecer de primeira man a resposta da Xunta á pregunta do Grupo Socialista sobre o atraso na toma de decisión respecto a incorporar un enlace ao Parque Industrial de Vimianzo na ampliación da autovía da Costa da Morte, treito Santa Irena – AC432.
Mónica Rodríguez foi convidada polo voceiro do Grupo Parlamentario Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga. Interpelará ao Goberno a parlamentaria María Dolores Toja. Os socialistas salientan na súa iniciativa que o contrato da primeira fase da prolongación da autovía está xa licitado por 118.800,30€ no mes de marzo de 2017, e adxudicouse en xullo dese mesmo ano. Rodríguez reiterou en diversas ocasións a importancia que ten para o desenvolvemento industrial de Vimianzo este acceso, porque “faría máis competitivo o asentamento no solo industrial vimiancés de iniciativas empresariais e impulsaría o emprego”.
A candidata socialista á alcaldía de Vimianzo non entende os motivos por un atraso de máis de seis meses en responder a algo tan sinxelo como si o goberno de Feijóo contempla ou non este desvío da autopista. “Non comprendemos os motivos polos que se tarda tanto en tomar esta decisión, agora que xa chegaron novas empresas e outras están pendentes de este acceso así como de coñecer posibles melloras nas condicións de compra por parte de SEPES, que eu mesma negociei co Director Xeral en Madrid”, indica Rodríguez Ordoñez, quen a súa vez, agarda unha resposta positiva á realización do desvío cara o Parque Empresarial, “dadas as esperanzas que temos postas no parque empresarial para o desenvolvemento sostible do concello e a creación de emprego estable que permita ás familias asentarse en Vimianzo”.
Recrimina ao actual rexedor, Manuel Antelo, o “escaso interese posto estes anos no impulso da industria ou a defensa do comercio local”, aínda que “sempre está de primeiro na foto cando se produce algunha incorporación ao parque empresarial ou xurde unha nova iniciativa emprendedora”. Considera unha “mágoa” os oito anos perdidos pola parálise e falta de ideas do Goberno de Antelo, ao tempo que Mónica Rodríguez agarda “conseguir a confianza suficiente da veciñanza para cambiar o rumbo, e que, en pouco tempo a imaxe de Vimianzo sexa a dun concello atractivo para o asentamento de iniciativas empresariais”.