Un home morreu na tarde deste domingo preto do encoro de Eiras, no concello de Fornelos de Montes, tras sufrir un accidente co seu caiac no río Oitavén.
Dúas persoas que o acompañaban conseguiron sacalo da auga inconsciente e chamar o 112. Malia os esforzos, os servizos de emerxencias só puideron confirmar o seu falecemento. Atopábanse moi preto dun barranco de difícil acceso.
Mobilizouse un operativo de rescate e chegou a valorarse un rescate aéreo, que finalmente sería descartado polos riscos derivados da meteoroloxía adversa. Deste xeito, os bombeiros e a Garda Civil procederon co rescate por terra.
Pola súa banda, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilizou o seu persoal a bordo dunha ambulancia. Finalmente, os bombeiros conseguiron chegar ao lugar do accidente e rescatar o corpo da persoa falecida.