Morre un menor en Zaragoza ao caerlle encima unha árbore cando se refuxiaba dunha treboada

1 minutes read

Un menor, de 17 anos, faleceu ao caerlle enriba unha árbore mentres se refuxiaba dunha tormenta no banco do campo de fútbol do concello zaragozano de Bujaraloz, na comarca dos Monegros.

Estaba canda un grupo amigos que quedaran para xogar un partido de fútbol no campo da localidade cando se desatou unha intensa chuvieira. Os cinco decidiron sentar nun dos bancos sobre o que caería unha árbore próxima que atrapou un dos rapaces.

Os seus propios compañeiros avisaron a un responsable do equipo de fútbol que transmitiu o que sucedía aos servizos de emerxencia. Ata o lugar foron patrullas de seguridade cidadá, Policía Xudicial e servizos médicos que non puideron facer nada por salvarlle a vida ao menor.

A árbore que se veu abaixo era un exemplar de grandes dimensións, e formaba parte dunha fila de piñeiros situada en paralelo á banda do terreo de xogo. Descoñécense as causas da caída sobre o banco. Ao parecer, un ruído alertou os rapaces da existencia dun perigo, o que permitiu que catro deles puideran escapar, pero a vítima non tivo tempo.