No vehículo circulaba tamén un home de 24 anos, que puido saír do interior polos seus propios medios e foi quen de achegarse a unha leira próxima para alertar do accidente a un veciño, que foi o que deu a voz de alarma ao 112 Galicia. Posteriormente o mozo foi detido, identificado como o condutor do turismo e acusado dun delito contra a seguridade viaria por conducir sen carné.
Segundo indicaba o alertante na súa chamada, un coche caera ao río e unha muller permanecía atrapada no interior, no punto quilométrico 1 da PO-235, na ponte de Loureiro. Engadía na súa comunicación que varios particulares estaban na auga intentado rescatar á muller.
Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Ribadumia e de Pontevedra, de Protección Civil, da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da estrada, que interveu para sinalizar a zona ao caer varias pedras da ponte por mor do impacto.
Segundo a información recollida no 112 Galicia, malia que os efectivos de emerxencia que traballaban no punto deron a volta ao vehículo e conseguiron sacar a muller, os servizos sanitarios só puideron confirmar o seu falecemento.
No lugar do accidente permaneceron varias patrullas da Garda Civil á espera da chegada dun guindastre, que retirou o coche do río.