Unha nena de 2 anos e medio pasou moitas horas e a altas temperaturas no interior do vehículo. O proxenitor levou o maior ao colexio e esqueceuse de deixar a nena na gardería tras recibir unha chamada cando pasaba por diante do seu centro de traballo. O home, ao recibir a chamada, estacionou o vehículo e acudiu ao seu traballo sen decatarse de que non deixara a meniña na gardería.
Cando a nai foi recoller a nena a gardería decatáronse do suceso e trasladaron a menor ao PAC de Bertamiráns, onde explicaron que deixaran esquecida a menor.
As altas temperaturas rexistradas este xoves, a deshidratación e as horas transcorridas no vehículo foron determinantes, polo que aínda que a menor foi conducida ao próximo punto de atención continuada de Bertamiráns en parada cardiorrespiratoria, alí finalmente faleceu.
O Concello de Brión declarou dous días de loito oficial e convocou un minuto de silencio en sinal de pesar polo suceso. En declaracións aos medios, o alcalde da localidade, Pablo Lago, trasladou o seu «profundo pesar» polo suceso e chamou os veciños a participar no minuto de silencio o venres ás 12:00 horas diante do consistorio.