Morre unha persoa nun choque múltiple en San Cibrao das Viñas

1 minutes read

Un grave accidente rexistrado na N-525, ao seu paso polo termo municipal de San Cibrao das Viñas, rematou cunha persoa falecida e tres feridas de diversa consideración.

Segundo o 112, o sinistro ocorreu pasadas as doce do mediodía deste xoves no quilómetro 228, á altura de Ponte Noalla, ao bater de xeito frontolateral un tráiler, un furgón e un coche da Garda Civil.

As hipóteses iniciais apuntan a que o camión, tras rebentarlle un pneumático, invadiu o carril contrario e acabou batendo contra os outros dous vehículos.

Como consecuencia, o condutor da furgoneta faleceu e os que guiaban os outros vehículos implicados están graves. O pasaxeiro do turismo sufriu feridas leves.

Ata o lugar desprazáronse efectivos dos bombeiros de San Cibrao, do GES do Pereiro de Aguiar, persoal de urxencias sanitarias, axentes da Garda Civil, membros de Protección Civil e un helicóptero medicalizado.