Tal e como informaron os servizos de emerxencias, o sinistro produciuse pouco antes das 21.30 horas deste venres na PO-313, no lugar de Coirados. Por causas que de momento se descoñecen, o condutor dun dos turismos implicados de 20 anos e que resultou ileso, perdeu o control do seu vehículo e chocou frontalmente contra outro coche que circulaba en dirección contraria. Tras o suceso, o mozo deu negativo no test de alcol e drogas ao que foi sometido. Como consecuencia do choque, os dous menores, de 16 e 17 anos, que viaxaban no asento traseiro do turismo faleceron no punto, mentres que a moza que viaxaba no asento do copiloto –parella do condutor– sufriu feridas de carácter grave. No outro vehículo viaxaban dúas persoas, que non presentaban lesións de consideración, segundo as primeiras informacións. Un terceiro condutor acabou impactando co seu coche contra outro vehículo na mesma zona ao esquivar aos implicados . A Policía Local de Marín encárgase de instruír as correspondentes dilixencias. Ao parecer son todos veciños desta localidade pontevedresa.
20