O centro cívico de Malpica quedou pequeno este domingo para acoller aos asistentes ao mitin central do Partido Popular de cara ás vindeiras eleccións municipais do próximo domingo. No acto, programado para as 8 da tarde, interviñeron os concelleiros Miguel Fernández e Noelia Freijeiro, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e o propio alcalde e candidato á reelección, Eduardo Parga.
Miguel Fernández, concelleiro de Obras, foi o encargado de abrir o acto, e fíxoo en lembranza de dous loitadores anteriores do PP, o candidato xa falecido, José Manuel Vila e o exalcalde, Manuel Pardines (1995-1999), nomeados por Miguel como os artifices das grandes obras que se fixeron en Malpica baixo o selo do PP; porto, muro da Atalaia, rúa principal, etc.
A concelleira de Cultura e Deportes, Noelia Freijeiro, afirmou na súa intervención que tras chegar ao Goberno local se atopou cun panorama desolador, tendo que poñerse a traballar moi duro para reverter esa situación de paralise. Proba delo enumerou proxectos en marcha como a Croa do Castro, Vía Celta, Ruta dos Pinos do Mar, apoio ao deporte e ao asociacionismo, etc. Concluíu pedindo a confianza dos presentes para facer de Malpica un lugar activo.
O conselleiro, Miguel Corgos, falou das cualidades do PP de Malpica para gobernar, e pediu o voto para obter unha ampla maioría.
Pola súa banda o actual alcalde e candidato á reelección, Eduardo Parga, tras os agradecementos pola confianza depositada nel, recoñeceu que remata un mandanto convulso marcado por dous gobernos, afirmando que a súa chegada atoparon un concello paralizado. Nomeou varias obras levadas a cabo sendo alcalde; saneamento de praias, gardería, centro de día, centro de saúde en Buño, negociación para a consecución dos terreos para un novo centro médico. Ademais poñerá todo o seu empeño no saneamento das parroquias e en investir máis de dous millons de euros para o cambio do alumeado público por outro máis eficiente, así como un viveiro de empresas no polígono de Buño. Novas captacións de auga, e reparación das pérdidas existentes que sobrepasan un 40 por cento do consumo, así como as negociacións para ter un novo centro médico con heliporto ou o proxecto da estrada de Brión, conforman parte do seu programa.
Parga afirmou que Malpica non merece mais pactos, polo que lles pediu aos presentes loitar por unha ampla maioría para non depender de ninguén para gobernar a partir do día 28.
