- O goberno local agarda acondicionar esta zona da mellor forma posible de cara á chegada do bo tempo
O alumnado do obradoiro de emprego comezará nos vindeiros días as tarefas de mellora na contorna do paseo fluvial do Río Negro de Os Muíños, en Muxía. O pasado luns o concelleiro de Obras, Javier Romar, xunto coa directora e o profesor do obradoiro, planificaron as intervencións «fundamentais», sinalan desde a Alcaldía, sobre todo de cara á chegada do verán.
As actuacións, que serán combinadas cos traballos feitos polo operarios municipais, consistirán na limpeza da maleza no entorno fluvial; na restauración de elementos ornamentais; na mellora de sinalización e nos arranxos de elementos danados polos temporais e pola humidade, entre outros.
O alcalde de Muxía, Iago Toba, sinalou que “imos priorizar recursos para poñer a punto todo aquelo que levaba varios anos sen ter mantemento. Coa situación sociosanitaria que estamos a vivir, este espazo servirá para ofrecer á veciñanza e turistas unha boa opción de poder gozar de espazos de natureza en bo estado de conservación”.
O Concello tamén retomou este luns o arranxo das fochancas e vías municipais.