Muxía crea unha mesa de traballo con Costas para solucionar varios problemas da vila

1 minutes read

O alcalde de Muxía, Iago Toba, e os concelleiros, Felipe Vilela e Olalla Benlloch, participaron na primeira reunión xunto ao representante de Costas, Ricardo Babío, e varios técnicos de Costas e Tragsa.

Esta primeira xuntanza ven precedida do acordo chegado polo equipo de Goberno, o pasado mes de setembro, na visita a Muxía do xefe de demarcación de Costas, Carlos Gil, para manter estes encontros e marcar a folla de ruta para dar solución a diversas deficiencias detectadas.

Proxectos moi demandados pola veciñanza

Entre os asuntos a tratar nestas mesas de traballo recóllense a instalación da varanda en aceiro inoxidable que baixa ata a praia da Cruz desde o xardín, moi demandada nos últimos anos por veciños e turistas. Tamén, tratouse o arranxo da escaleira rústica que da baixada á mesma praia polo outro extremo.

Na mesma praia urbana, outro proxecto tratado foi a creación dun acceso para persoas con mobilidade reducida e carros de paseo de bebés, así como o arranxo das zonas danadas da pasarela de madeira que vai dende dita praia e que a une coa de Espiñeirido. Ademais, estudouse a reparación dos danos que presenta a pasarela da Praia de Nemiña, buscando varias solucións consensuadas coa veciñanza. “Levamos tempo escoitando e recollendo as inquedanzas da veciñanza neste asunto e, por iso, trasladei expresamente a reparación desta pasarela, nunha das praias máis importantes do noso municipio”, destacou Toba.

Outra das cuestións tratadas foi a actuación consensuada para buscar unha alternativa á pasarela na Praia do Lago ao lado da ponte.

Tras a reunión, Toba destacou que “seguimos traballando en positivo, buscando novos proxectos, e chegando a acordos con todas as administracións posibles para poder levar a cabo actuacións que melloren a calidade de vida da nosa veciñanza”.