Muxía mellorará o alumeado, sinalización e accesibilidade do santuario da Virxe da Barca

1 minutes read

Será cun investimento da Deputación da Coruña de 160.441 euros, financiados integramente a través do Plan Único. Acometeranse unhas obras que mellorarán o alumeado, a sinalización e a accesibilidade do santuario e do seu entorno, nunha «aposta por mellorar aínda máis un espazo tan emblemático, unha referencia da Costa da Morte desde o punto de vista histórico, patrimonial e turístico», segundo sinalou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que visitou a zona acompañado do alcalde Iago Toba e dos membros do goberno municipal para coñecer os detalles do proxecto, que está en fase de adxudicación.

O alcalde agradeceu o apoio económico da Deputación para facer posible este proxecto, que axudará a mellorar «o mellor escaparate de Muxía», dotando de paneis e postes informativos aos puntos máis emblemáticos do entorno (mirador do Corpiño, fonte da Pel, Sala do Perello…) «que permitirán aos visitantes coñecer de maneira moi intuitiva a importancia histórica e patrimonial deste enclave e a súa vinculación co Camiño de Santiago».

Toba explicou tamén que se renovará por completo o alumeado exterior tanto do santuario coma dos camiños de acceso, con novas luminarias que irán encastradas no chan ou nos muros de pedra do camiño e que será «acorde coa contorna, realzando o seu valor monumental e a seguridade dos visitantes e veciños que asistan a zona ao solpor ou pola noite.»

As obras incluirán ademais melloras na accesibilidade e na seguridade vial no entorno e un estudo para frear o deterioro da fonte da Pel, que data da época medieval e ten unha gran importancia histórica debido a que se trataba dun lugar de baño dos peregrinos antes de entrar no santuario.