- Presentarán unha moción no próximo pleno na que insistirán nunha educación que garanta a súa plena inclusión na sociedade
O grupo do Partido Popular no Concello de Muxía levará ao próximo pleno unha moción para reclamarlle ao goberno local a posta en marcha de medidas que permitan unha mellor conciliación de todas aquelas familias con nenos que teñen necesidades especiais.
A portavoz municipal, Sandra Vilela, sinala que «é necesario dar visibilidade e poñer en coñecemento do goberno municipal os problemas ós que se enfrontan día a día ditas familias», e lembrou que este colectivo «necesita unha educación que garanta a súa plena inclusión na sociedade».
Segundo os populares, no concello hai arredor de 10 nenos con necesidades especiais diagnosticados, e un dos problemas co que se encontran os pais e nais que optan pola educación combinada «é que non teñen como desplazarse ao centro de educación específica mais cercano que, neste caso, se atopa en Santiago de Compostela”, apuntou Vilela. A popular reclama a posta en marcha dunha iniciativa como a que existe nos concellos de Muros, Noia e Serra de Outes, onde o concello asume os gastos dun transporte que leva e trae diariamente os nenos.
Máis medidas inclusivas
Por outra banda, outro dos problemas cos que se atopan as familias é o ocio destes nenos. No texto presentado polo PP destaca que non existen recintos inclusivos ou campamentos de verán específicos, «totalmente necesarios para a integración social», denunciou Vilela.