Muxía presenta os campamentos de verán coa mirada posta nas medidas sanitarias

1 minutes read
  • O período de inscrición estará aberto ata o 9 de xullo e haberá 9 nenos por quenda, repartidos por grupos en función das súas idades

O Concello de Muxía presentou este martes os campamentos de verán coa mirada posta no cumplimento das medidas e recomendacións socio sanitarias pola crise da COVID-19. Á presentación, que tivo lugar ás 12:00 horas no Salón de Plenos do Consistorio, acudiron o alcalde, Iago Toba; a concelleira de Xuventude e Igualdade, Olalla Benlloch e técnicos da administración muxiá con competencias nas áreas de deporte, medio ambiente e igualdade.

Esta edición ‘será singular, xa que se extremarán as precaucións para evitar contaxios. A rapazada estará acompañada en todo momento por persoal especializado e será dividida por grupos pequenos’, comentou o alcalde, Iago Toba. Haberá 9 nenas e nenos por quenda, repartidos por grupos en función das súas idades.

O período de inscrición estará aberto ata o 9 de xullo aínda que, de ser necesario, ampliarase. O proxecto estará articulado baixo tres eixes fundamentais: o deporte, a igualdade e o medio ambiente. Así, os nenos e nenas poderán gozar de actividades como punto de cruz, obradoiros de cociña e de chapas, contacontos ou creación de pancartas, entre outras. A primeira quenda de celebración destes campamentos irá desde o 13 de xullo ao 24 do mesmo mes e a segundo do 27 de xullo ata o 7 de agosto.

‘É un tempo difícil para organizar actividades como estas, pero primará a seguridade por riba de todo o demais. A conciliación na época estival é algo fundamental, e cremos que o mellor método de facelo é o que aquí presentamos hoxe’, aportou a edil de Xuventude e Igualdade.