Muxía | Suspendidos os actos lúdicos da Romería da Barca por «falta de respecto institucional»

2 minutes read
  • Así o decidiu este martes a Comisión de Festas despois de que a oposición rexeitara unha subvención durante o pleno deste luns

A Comisión de Festas da Barca de Muxía anunciou na tarde deste martes a suspensión da programación ante a «falta de respecto institucional» despois de que no pleno ordinario, celebrado este luns, cinco concelleiros da oposición presentaran unha enmenda á proposta de financiamento da Romería. «É a primeira vez na historia, por motivos estritamente non sanitarios, que non poderemos conmemorar a Romaría da Virxe da Barca», afirman desde a Comisión.

Os principais responsables deste evento reuníronse este martes para valorar a situación despois do que consideran unha «falta de lealdade» por parte do Partido Popular e os concelleiros non adscritos, quen puxeron en dúbida a celebración dos actos en materia sanitaria ao atoparse Muxía no nivel alto. Os integrantes da Comisión de Festas recalcaron que todo «os actos estaban programados e plantexados en base ao recollido no Diario Oficial de Galicia do 25 de xullo» e que noutros municipios coas mesmas restricións si que se realizaron «celebracións e conmemoracións similares ás que se pretendían estes días na Barca».

«É unha absoluta calumnia designarnos como xente irresponsable. Nós tamén temos familia e somos os primeiros preocupados na saúde da nosa veciñanza», destacaron os organizadores, sinalando que a Barca «non ten color político».

O PP responde: «O pleno non ten poder para quitar nin dar permisos»

O Partido Popular de Muxía, a través da súa voceira Sandra Vilela, emitiu un comunicado explicando os motivos polos que tanto os seus membros e dous dos concelleiros non adscritos decidiron non apoiar a financiación das actividades lúdicas da Romería con fondos municipais.

En primeiro lugar os populares sinalan que «o pleno non ter poder para quitar nin dar permisos» para a celebración de calquera tipo de evento, polo que era responsabilidade da Comisión de Festas ter todos os permisos. Por outra banda non entenden se comezaran a contratar actuacións sen contar coa aprobación de financiamento, que por outra banda sinalan que é nominativa, polo que o pago non sería inmediato e a Comisión debería aboar os cartos antes. Desde o PP tamén fan fincapé en que no propio cartel do evento aparecen varios patrocinadores, entre eles a Xunta de Galicia, Abanca e a Deputación da Coruña, aparte de todas as atraccións que se instalarían na vila.

Desde a formación local lamentan que o alcalde utilice as festas patronais para realizar ataque político e que incluso se escude detrás dos organizadores para lanzar ese ataque.