- O vehículo, adquirido polo goberno local, tamén funcionará como un punto limpo móbil
O goberno local de Muxía adquiriu un novo vehículo para dar máis prestacións á veciñanza en tema de recollida e tratamento de residuos.
Este luns chegou á vila un camión pluma que funcionará como un punto limpo móbil, ademais de dar un servizo de recollida de plásticos agrícolas. Este último farase de forma trimestral e formará parte dunha campaña de concienciación da reciclaxe e de servizos nas parroquias.
O alcalde, Iago Toba, o concelleiro de Medio Rural, Javier Romar e o representante da empresa subministradora, recibiron este novo elemento mecánico que prestará os servizos «totalmente de balde», destacan desde o consistorio.
A adquisición do vehículo logrouse mediante a xestión dunha subvención de aproximadamente o 70% da Xunta de Galicia e o 30% de achega municipal.