A italo-estadounidense Fiat Chrysler e o grupo francés PSA, fabricante de Citroën e Peugeot, confirmaron este xoves nunha nota conxunta que «planean unir forzas» para converterse na cuarta compañía automobilística do mundo con sinerxias estimadas en 3.700 millóns de euros e sen pechar fábricas.
No comunicado explícase que este diálogo en curso abre «o camiño á creación dun novo grupo de dimensións e recursos globais, mantidos nun 50 % polos accionistas de PSA e polo 50 % dos de FCA».
Anúnciase ademais que a nova sociedade baixo unha empresa matriz holandesa «tería representación equilibrada e maioría de conselleiros independentes» e que o presidente sería John Elkann (actual presidente de FCA), mentres que o conselleiro delegado sería Carlos Tavares (actual presidente de PSA).
A fusión, engaden, «crearía o cuarto fabricante de coches do mundo por vendas anuais cun total de 8,7 millóns de vehículos» e ingresos combinados de case 170.000 millóns de euros e un resultado operativo de máis de 11.000 millóns de euros.
Inicialmente, «a compañía resultante da fusión beneficiaríase de marxes entre os máis altos en mercados onde está presente, baseados na solidez de FCA en América do Norte e Latinoamérica, e a de PSA en Europa».