Este outono, Galicia conectará á industria musical co nacemento de PALCO, o primeiro –e pioneiro– encontro sectorial da música na comunidade, impulsada pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia.
PALCO celebrarase en Santiago de Compostela ao longo de tres días, do 3 ao 5 de novembro de 2026, na Cidade da Cultura e noutras salas e espazos de interese repartidos pola cidade.
Este punto de encontro da industria musical celebrado en Galicia nace coa idea de aportar visibilidade ao talento, aos proxectos e ao ecosistema musical galego. E, tamén, coa fin de favorecer conexións e oportunidades, fomentando as relacións entre artistas, empresas, programacións e institucións, así como xerando contextos útiles para a colaboración e o desenvolvemento. PALCO quere impulsar, do mesmo xeito, a presenza da música galega, abrindo novas redes e espazos de traballo conxunto, ademais de reforzar Galicia como territorio de creación e de industria.
A mañá deste venres, 26 de xuño, ás 12.00 horas, tivo lugar a rolda de prensa de presentación de PALCO na Sala Eisenman da Cidade da Cultura de Compostela. O acto contou coa participación de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic); Marcos Gómez Román, comisario do Xacobeo 2027; Patricia Hermida, presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM); e Daniel Vázquez, presidente da Asociación de Empresas Tecnolóxicas e Servizos Audiovisuais de Galicia (AGATEC), que estiveron arroupados por diferentes entidades, profesionais e axentes do ecosistema musical galego, responsables do deseño colectivo da feira.
Como apuntou Patricia Hermida, presidenta de AGEM, «PALCO é o novo punto de encontro anual da industria musical celebrado en Galicia. Un espazo creado para dar visibilidade ao talento, conectar profesionais e impulsar novas oportunidades para a música feita en Galicia».
Pola súa banda, Jacobo Sutil, director da Agadic, destacou que PALCO «nace nun contexto propicio e oportuno, xa que a música galega leva anos demostrando a súa capacidade para emocionar, innovar e chegar cada vez máis lonxe. A música en Galicia vive un dos momentos máis fértiles da súa historia grazas ao talento dos seus artistas e ao traballo dunha comunidade profesional que impulsa, acompaña e fai posible que a música suceda».
Na mesma liña, o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, indicou que «Galicia conta cun ecosistema musical vivo, creativo e profesional. Un territorio cunha identidade propia, cunha rede de salas esencial para a súa actividade cultural, con festivais de referencia e con proxectos capaces de dialogar co local e co global. Desde a Xunta de Galicia, impulsamos PALCO xunto a AGEM e os axentes do sector para reunir esta fértil realidade».
Deste xeito, PALCO nace como un punto de encontro para dar visibilidade ao talento, fortalecer vínculos e xerar novas oportunidades. Como un espazo para compartir coñecemento, activar relacións profesionais, presentar proxectos e impulsar novas vías de colaboración.
Para Patricia Hermida, «a música medra cando circula, cando conecta persoas, ideas e proxectos e cando atopa contextos que favorecen o intercambio, a creación de alianzas e a apertura de novos horizontes. Todo isto é PALCO».
Durante tres días, do 3 ao 5 de novembro 2026, Santiago de Compostela converterase no escenario onde a industria musical –principalmente a galega– conversará e se proxectará, cos obxectivos de descubrir, aprender, compartir experiencias e construír futuro. «PALCO será o escenario da música galega, no que os e as profesionais do sector serán protagonistas», concluíu na súa presentación Patricia Hermida.
Deste xeito, nos vindeiros meses PALCO abrirá as súas primeiras convocatorias a través da páxina web oficial www.palco.gal que se publicará proximamente:
– Convocatoria da programación artística: a programación artística de PALCO pretende reunir unha selección de proxectos musicais que amosen a diversidade, a calidade e o momento creativo da música galega actual. O prazo para inscribir os proxectos estenderase do 1 ao 31 de xullo de 2026.
– Convocatoria das presentacións breves ou pitchings: PALCO abre unha convocatoria para a presentación de proxectos, iniciativas e propostas vinculadas á industria musical. Estas pequenas presentacións de 5 minutos de duración máxima están pensadas como un espazo para dar a coñecer ideas, servizos, ferramentas ou proxectos ante profesionais do sector, favorecendo a creación de contactos, colaboracións e novas oportunidades. O prazo de inscrición desta convocatoria comprende entre 1 e o 31 de agosto de 2026.
– Inscricións profesionais: a acreditación profesional de PALCO permite acceder a todas as actividades do encontro e participar nos espazos profesionais do Museo Centro Gaiás. As inscricións abriranse desde o 1 de agosto de 2026.
SEGUNDA EDICIÓN DOS PREMIOS DA INDUSTRIA MUSICAL DE GALICIA
No marco de PALCO celebrarase, tamén, a segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, rebautizados como Premios PALCO, que un ano máis buscarán poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas que destaquen polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade no sector musical galego.
Esta segunda edición dos Premios PALCO terán lugar na Sala Capitol de Santiago de Compostela a noite do martes 3 de novembro. Será un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores e se entregarán os galardóns, nun formato próximo, pensado para favorecer a cooperación e a convivencia entre os diferentes axentes da industria musical galega.
En palabras de Patricia Hermida, presidenta de AGEM: «neste 2026, os Premios PALCO regresan dar resposta ao gran momento que está a vivir a música galega, cunha madurez e unha diversidade extraordinarias. Queremos celebralo e agradecer o talento e o compromiso de quen fai posible o crecemento da nosa industria e para recoñecer o valor das persoas e proxectos que converten o sector nun verdadeiro motor cultural e humano para Galicia».
Un ano máis, os Premios PALCO pretenden ser unha ferramenta para dar visibilidade ao talento galego e fortalecer a industria musical como motor cultural, social e económico. Con esta iniciativa, AGEM reafirma o seu compromiso de traballar colectivamente por un sector máis profesional, recoñecido e sostible. Os premios enmárcanse dentro do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, asinado por AGEM co impulso da Xunta de Galicia.
EQUIPO ORGANIZADOR DE PALCO
PALCO é un proxecto codeseñado no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, impulsado por AGEM –entidade que defende os intereses profesionais das entidades galegas ligadas á xestión cultural e aos espectáculos vinculados á música ao vivo– e a Xunta de Galicia. Nace da vontade compartida de reforzar a conexión, a vertebración e a proxección do sector. A súa creación responde a unha das principais conclusións extraídas durante o proceso de elaboración do plan: a necesidade de contar con espazos compartidos, útiles e sostibles, pensados desde dentro da propia industria e ao servizo das súas necesidades reais.
SOBRE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EMPRESAS MUSICAIS (AGEM)
A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) nace en 2007 para defender os intereses profesionais das empresas galegas vinculadas á música ao vivo: produtoras, promotoras, managers, axentes de contratación, compañías de representación artística, editoras fonográficas e empresas técnicas, entre outras actividades relacionadas coa xestión cultural e os espectáculos.
AGEM está integrada por empresas que conforman a cadea de valor da actividade cultural e musical. Empresas que realizan actividades de deseño, xestión e produción de eventos de carácter cultural, musical, educativo, social e de entretemento, destinados a ser realizados en locais pechados ou a ceo aberto e, en xeral, todas as actividades técnicas e preparatorias para a execución destes eventos ou servizos, incluída a actividade comercial, de representación de artistas, festivais, distribución e xestión.
Estas entidades traballan en distintos mercados de artistas internacionais, que conforman as programacións de numerosos festivais e espectáculos producidos en Galicia e noutros territorios. Igualmente, hai empresas que representan a diversos artistas, na súa maioría galegos, que traballan en mercados de todo o mundo. As socias de AGEM son promotoras de festivais maioritariamente producidos en Galicia, pero tamén noutros territorios. Empresas de produción técnica e persoal técnico especializado que traballan en numerosos espectáculos producidos dentro e fóra de Galicia. Distintas gravacións producidas ou editadas por integrantes de AGEM teñen repercusión en mercados internacionais e son sincronizadas tanto a nivel fonográfico como editorial en producións audiovisuais; longametraxes, curtas, documentais e publicidade.
O impulso industrial propiciado por AGEM vai máis alá do facturado polas empresas asociadas. O impacto económico dos espectáculos nos que participa AGEM, tanto de artistas en solitario coma de festivais, é de mais de 100 millóns de euros. As empresas que conforman AGEM son a raíz do sector cultural e resultan fundamentais na industria global da cultura, na música e no seu tecido económico.