Nenos e nenas da Costa de Morte inauguraron a Campaña de Esquí da Deputación

1 minutes read

Nenas e nenos de entre 10 e 14 anos dos concellos de Camariñas, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Muxía, Vimianzo e Zas gozaron esta fin de semana en Cabeza de Manzaneda (Ourense) da primeira expedición á neve da Campaña de Esquí 2020, organizada pola área de Deportes da Deputación da Coruña, onde tamén participaron escolares da comarca do Barbanza.

Durante estes días, tiveron a oportunidade de iniciarse ou perfeccionar a práctica do esquí con monitores profesionais e participar en numerosas actividades deportivas e culturais que se organizan de xeito complementario.

A deputada responsable de Deportes da institución provincial coruñesa, Cristina Capelán, destacou que este ano a Deputación achegará a práctica do esquí a un total de cincocentos rapaces dos 93 concellos coruñeses.

“O obxectivo é achegar a práctica do esquí aos máis novos e, ao mesmo tempo, fomentar a convivencia”, sinalou Cristina Capelán, que lembrou que a próxima expedición partirá este venres, 31 de xaneiro, con outros 100 rapaces dos concellos da comarca de Santiago de Compostela.