- A inauguración será este sábado, 2 de outubro, ás 12 horas
A Lonxa Vella de Camariñas acollerá este sábado, 2 de outubro, a inauguración da instalación ‘Nit Mediterrània’ do artista pitiuso Ángel Zabala. Esta quedará exposta de forma indefinida no interior do edificio, que en breve será rehabilitado para albergar o futuro do museo dos naufraxios, e que poderá verse só desde o exterior a través dun cristal instalado previamente.
No acto inaugural participará o propio artista; a concelleira de Cultura, Encarna Liñeiro; o primeiro tenente de alcalde, Sergio Caamaño; e o comisario, Antoni Torres.
Esta instalación, formada unicamente dunha peza, invita a reflexionar sobre o drama da emigración ilegal e as duras condicións da viaxe que realizan milleiros de persoas. «Camariñas é unha terra de naufraxios e, con esta mostra, busca darlle visibilidade a esta situación presentando a obra dun artista de gran potencia visual e compromiso social», sinalan desde o Concello.