A deputada socialista Noa Díaz vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para que a Xunta destine unha partida específica para mellorar a iluminación, a seguridade e a protección da senda peonil da ponte sobre a ría de Noia.
A parlamentaria do PSdeG lanza estas demandas tras constatar que o alumeado básico da ponte leva varios meses deshabilitado, o que provoca que as persoas que circulan a pé pola noite “teñen que facelo a escuras o maior parte do traxecto”.
A maiores, Noa Díaz tamén sinala que “a veciñanza denuncia que, logo de seis anos da súa inauguración, a varanda exterior da ponte está xa en mal estado” e que “os elementos que protexen ao peón dos pasos dos vehículos non son suficientes”.