O Concello de Noia iniciou esta semana as obras de mellora na rúa Coruña, as cales teñen por finalidade mellorar as condicións de seguridade na vía.
A actuación, dotada dun orzamento de 84.527 euros, consistirá na renovación do firme, na reorganización de carrís e das prazas de estacionamento e na reubicación dos pasos de peóns, así como no pintado e instalación da sinalización horizontal. O obxectivo do proxecto e dotar a unha das rúas máis transitadas do casco urbano dunhas mellores condicións de seguridade tanto para o tráfico rodado como para viandantes.
Por mor destes traballos, o estacionamento estará prohibido nesta rúa ata o remate dos mesmos, nun período estimado de dúas semanas. Esta actuación súmase a outras que se van a levar a cabo nos vindeiros días e outras xa realizadas recentemente, que supoñen unha mellora substancial das características de distintos viais de acceso a Noia e do seu núcleo urbano.