- O obxectivo é sensibilizar á mocidade contra o acoso e as agresións sexuais e a favor dun consumo responsable de alcohol
A Concellaría de Igualdade e Benestar do concello de Carballo quere aproveitar as festas de San Xoán para lanzar unha nova campaña que ten dous obxectivos moi claros: por unha banda pretende sensibilizar á mocidade contra o acoso e as agresións sexuais e, por outra parte, por de manifesto un consumo responsable de alcohol.
“Carballo en festas, agresións 0’0” é o lema desta iniciativa, que arranca agora pero que esperan se estenda por outros ámbitos, como verbenas, festas ou locais nocturnos. Os interesados poderán solicitar a cartelería específica.
A campaña forma parte do amplo e variado programa de accións que desenvolve a Concellaría de Igualdade e Benestar a través do Centro de Información á Muller (CIM) para o fomento da igualdade e contra a violencia machista. “O obxectivo é lanzar un reto ás mozas e aos mozos para que aproveiten os momentos de ocio e diversión ao máximo, pero sempre con respecto e sen necesidade de consumir alcohol en exceso para pasalo ben”, sinala a concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures.
A preocupante escalada de actos sexistas que se veñen producindo en grandes eventos en todo o Estado, amparada no ambiente festivo e nos excesos, tense convertido en motivo de reivindicación social. O Concello de Carballo súmase de novo ás iniciativas que están a desenvolver municipios de todo o país para evitar ese tipo de condutas. Para achegar a mensaxe á mocidade, os días 24 e 25 instalarase un stand na rúa Desiderio Varela, en horario de 22.00 a 01.30, no que se repartirán chapas, pulseiras e outro material identificativo da campaña. A iniciativa repetirase o 29, coincidindo co Rockin’ Carballo.
