Nova crise no Sergas | Cancelan na área de Vigo case a metade das operacións ‘non urxentes’

2 minutes read

A crise nos centros de saúde e hospitalarios de Galicia continúa á alza. A vaga de infeccións respiratorias, protagonizada por numerosos casos de gripe e Covid-19, así como a presenza do virus sincitial, está a saturar tanto a Atención Primaria como os servizos de urxencias dos hospitais. Porén, a gravidade da situación é tal que a crise comeza a espallarse á atención que prestan outros servizos hospitalarios.

Así o confirman fontes da área sanitaria de Vigo, que indican que a suspensión de parte da actividade cirúrxica é xa un feito. A causa é o elevado número de ingresos por gripe e Covid-19, a pesar de que, segundo os datos de Sanidade, o nivel de incidencia destas infeccións é menor que o rexistrado o ano pasado. “A semana que vén está suspendida bastante actividade”, afirman, engadindo que a previsión é suspender “sobre 40-50%”. A falta de previsión da Consellaría de Sanidade, din, “é absoluta”. “Calquera diría que vimos de pasar dunha pandemia”, sentencian.

Mais este colapso é xenerico en todo o SERGAS: a Asociación de Pacientes e Usuarias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) denunciou este venres un novo incumprimento de “dereitos fundamentais de pacientes graves” en Urxencias ocorrido este xoves 28 de decembro. “31 pacientes graves, en padiolas e cadeiras de rodas, foron colocados nos corredores de acceso” agardando a ser atendidos”, explica o colectivo. A esa mesma hora, as 16.40 do 28 de decembro, “41 pacientes co ingreso asinado en planta ocupaban as zonas de traballo impedindo que os colocados nos corredores puideran recibir a atención requirida”. Suman un total de 72 pacientes amoreados.

Non se garanten os dereitos fundamentais dos e das pacientes graves colocadas nos corredores nin se cumpren os principios de suficiencia e calidade”, denuncian as usuarias, recordando que as doenzas estacionais “non son un suceso imprevisto”. “Deberían estar xa operativos plans de continxencia“, aclaran.

Crise tamén na área da Coruña
A Comisión de Atención Primaria da Área Sanitaria da Coruña-Cee presentou este venres por rexistro na Xunta da Galiza un escrito para reclamar a reposición de persoal facultativo no Centro Penitenciario de Teixeiro, en Curtis (As Mariñas). Debido á falta de persoal médico neste centro, os equipos do PAC de Teixeiro “téñense que mobilizar até o cárcere para dar atención aos internos que requiren asistencia sanitaria”.