Nova enquisa: O PP ao bordo de perder a Xunta


O secretario xeral do PSdG-PSOE, Gonzalo Caballero, filtrou este venres a través da súa conta de Twitter unha nova enquisa para as eleccións autonómicas do próximo 5 de abril. No suposto inquérito, elaborado este mes de febreiro pola empresa SIGMA DOS en base a unha mostra de 1.800 entrevistas, contémplase por primeira vez, desde que se publican enquisas para as autonómicas, a perda da maioría absoluta por parte do Partido Popular. Segundo as informaciónes difundidas, o Partido Popular moveríase nun abanico entre os 35 e os 38 deputados, os socialistas entre 19 e 22 actas, o BNG conseguiría entre 13 e 15 asentos no Pazo do Hórreo, e Galicia en Común, a fórmula coa que concorrerá Unidas Podemos e as súas confluencias a estes comicios, faríase con 4 asentos. Tanto En Marea como a formación de ultradereita VOX e Ciudadanos quedarían lonxe de obter representación na cámara autonómica. As reaccións non se fixeron esperar desde as filas da oposición, e o primeiro o propio Gonzalo Caballero, quen dixo que o electorado progresista activarase e tachou a futura derrota de Feijóo de contundente.