O Diario Oficial de Galicia publicou as bases dunha nova liña de axudas dirixida ás salas de cine galegas, para a que se reserva unha dotación de preto de 850.000 euros. Esta contía destinarase integramente a incentivar a modernización dos espazos de exhibición cinematográfica, de xeito que se subvencionarán proxectos relacionados coa innovación, o funcionamento dixitalizado e sustentable, a captación e fidelización de públicos e a adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual.
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xestiona esta nova convocatoria, a través do seu departamento de Industrias Culturais e no marco do do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU. Ao seu abeiro, o pasado mes de abril adxudicáronse máis de 1,21 millóns de euros para a modernización e xestión sostible de 46 teatros, auditorios e salas de exhibición de artes escénicas e musicais. Ademais, nestes momentos atópase en proceso de tramitación a primeira das convocatorias do programa Territorio Cultura, que destina preto de 630.000 euros a ampliar e diversificar a oferta cultural en núcleos non urbanos.