Nova vitoria dun Calvo Xiria que segue intratable este 2024

1 minutes read

O Calvo Xiria aínda non sabe o que é perder neste ano 2024. O conxunto carballés que adestra Adrián Dubra está a sacarlle nesta segunda volta un gran partido a súa experiencia con xogadores como Chimpo, pero tamén ás incorporacións de David García ou Fran Rey.

O Pavillón Vila de Noia acolleu este sábado un novo encontro da 1ª nacional, neste caso recibiu a visita do Bm Tejina da illa de Tenerife. Ambos equipos chegaban cunha situación moi diferente na clasificación, o Calvo Xiria, 6º con 23 puntos e o Tejina 15º con 8 puntos. No partido de ida o resultado foi favorable aos canarios por 35 a 29, pero a situación actual dista moito da de entonces. O Calvo Xiria ven de 3 vitorias e 2 empates nos últimos 5 partidos, e o Tejina con 1 soa vitoria neses últimos 5 encontros e penúltimo clasificado na xeral.

Nesta ocasión, tal e como reflectían os números o Calvo Xiria foi superior de principio a fin, chegando ao descanso cunha vantaxe de 6 puntos sobre os canarios, 14-8. Xa na segunda metade, o partido discorreu dun xeito similar e os carballeses foron quenes de ampliar a súa vantaxe ata os oito puntos que resultaron no definitivo 28-20. Con esta nova vitoria o Calvo Xiria ascende á quinta praza da clasificación xeral con 25 puntos.